Friday 26 de April de 2024

O Concello de Carballo despide a Gustavo Figueira na súa xubilación tras 43 anos de servizo público


Cando Gustavo Figueira empezou a traballar no Concello de Carballo, no ano 1979, o orzamento era de 64 millóns de pesetas e todos os departamentos municipais compartían espazo nas actuais oficinas da primeira planta da casa do concello. Lembrouno hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, no acto de despedida de Gustavo, un dos traballadores máis veteranos da administración local, que formaba parte do equipo dos servizos económicos.

43 anos de servizo público ben valen a homenaxe que lle ofreceron hoxe os seus compañeiros e compañeiras, así como o goberno municipal. “Sempre está ben que se poida celebrar cos compañeiros que chegou o momento, agora hai que cambiar o chip e desfrutalo tamén, porque do traballo desfrútase pero tamén do tempo libre e de ocio. Moitísimas grazas polo teu traballo”, díxolle Evencio Ferrero. “Eu aquí vin traballar e gustábame vir traballar. Intentei facer o meu traballo o mellor que puiden e atender ao público tamén o mellor que puiden”, respondeu o homenaxeado.

Gustavo Figueira foi despedido con aplausos polos seus compañeiros e compañeiras, e tamén con agasallos, entre eles unha fermosa obra do artista carballés Manuel Facal e, como non podía ser doutro xeito, o carballo de Sargadelos que identifica o noso concello.